O grupo liderado por David Brandariz rexeitou o convite do PPdeG e da súa escisión, o PDSP de Ramón Rodríguez Ares, que lle ofreceran a alcaldía a cambio dun pacto.
A posición dos simpatizantes da súa formación, Agrupación Sada Unida, e a convicción de que os veciños de Sada apostaron con claridade "polo cambio", foron os argumentos cos que David Brandariz explicou a decisión de rexeitar a proposta dos conservadores. De costas á postura que publicamente defende a dirección do PPdeG, o grupo local dos populares pretendía facilitar un acordo co PDSP do alcalde en funcións, Ramón Rodríguez Ares, e con ASU, e mesmo lle ofrecían a alcaldía ao único edil que as urnas lle concederan a este último grupo.
Brandariz confirmou que o próximo sábado vai votar en branco para facilitar a suma de BNG e PSdeG. Xa que logo, o nacionalista Abel Soto será o novo alcalde deste concello das Mariñas. Brandariz non descarta ademais que posteriormente poida integrarse nun pacto amplo de goberno. O nacionalista Abel Soto xa avanzou este xoves na Radio Galega que se intentarán esas conversas aínda que con probabilidade van deixarse para despois do día 16.