Preséntase no Parlamento un programa que contribuirá a mellorar a imaxe social do libro e a achegar a poboación á lectura.
A Consellaría de Cultura achega ao Parlamento o Plan de Lectura, despois da súa aprobación no Consello da Xunta. O departamento prevé facer un investimento de 30 millóns de euros até o 2011 para promover un hábito lector na poboación e facer medrar os índices de lectura, nomeadamente na nosa lingua.
As liñas de actuación do plan comprenden a mellora da imaxe social do libro por medio de campañas de publicidade, a organización de eventos relacionados coa escrita e a cooperación con bibliotecas, librarías, autores e editores. Tamén se dotará de fondos o sistema bibliotecario para fortalecelo e incrementarase o número de bibliotecas virtuais en galego. Ademais, fomentarase a lectura no ensino.
O plan inclúe a constitución dunha Oficina de Lectura que terá as funcións de coordinación, control e apoio. Ademais, a administración fomentará un programa de traducións do corpus universal e científico e creará un portal de textos dixitalizados.
Consello Asesor
O proxecto é un desenvolvemento da Lei do libro, aprobada en xaneiro. A xuntanza da Mesa do Libro, que tivo lugar en maio, serviu tamén para sentar as bases do proxecto de decreto do Consello Asesor do Libro, organismo para estudar o sector de xeito permanente e asesorar a administración nas políticas relacionadas.
Así mesmo, elaborará informes anuais de índices de lectura e de produción editorial, que se presentarán bienalmente no Parlamento. Formarán parte do Consello Asesor representantes da administración e das asociacións profesionais relacionadas co libro: escritores, tradutores, ilustradores, editores, artes gráficas, distribuidores, libreiros e bibliotecarios, e tamén investigadores.