Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Prevese crear un Consello Asesor

Aséntanse as bases para o Plan de Lectura

A Mesa do Libro xuntouse no CGAC para impulsar a aprobación no Parlamento do Plan de Lectura e estabelecer as bases do proxecto de decreto do Consello Asesor, un órgano consultivo que estudará os índices de lectura e de produción editorial.

Redacción - 18:11 11/05/2007

No acto participaron a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, o subdirector, Francisco X. Fernández Naval, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, Sol Mª Vázquez, xefa do servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, Enrique Quintáns, xefe de servizo do Libro da Consellaría de Cultura, Suso Cubeiro, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Alfonso García Sanmartín, da Asociación Galega de Editores (AGE), Xaime Carlos del Corral Prieto, da Federación de Libreiros, Cesáreo Sánchez Iglesias, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ou Miguel Vázquez Freire, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), entre outros.

O Plan achegará até o 2011 un investimento de 30 millóns de euros para actividades de fomento da lectura, dos 50 millóns de orzamento total. Ten entre os seus obxectivos a mellora da imaxe social do libro a través de campañas de publicidade, celebración de eventos ou a cooperación con bibliotecas, librarías, editoriais e autores; o fortalecemento do sistema bibliotecario cun programa de dotación de fondos ou cun incremento das bibliotecas virtuais de lingua galega; e o pulo á lectura no ensino, para o que se crearán programas de formación para persoas que traballen na animación á lectura. Proponse tamén a creación dunha Oficina da Lectura que coordine, controle e apoie o Plan de Lectura, e tamén apoiar un programa de traducións do corpus universal e científico e un portal de lectura que recolla textos dixitalizados.

Do mesmo xeito, durante a xuntanza puxéronse sobre a mesa as claves para crear o Consello Asesor do Libro, un organismo para o estudo permanente do sector e o asesoramento á Administración no referente ás políticas relacionadas co libro e co fomento da lectura no país. O grupo terá que elaborar informes anuais sobre os índices de lectura e da produción editorial en Galiza e en galego. Integrarano representantes da administración e das asociacións dos sectores profesionais relacionados co libro: escritores, tradutores, ilustradores, editores, artes gráficas, distribuidores, libreiros e bibliotecarios, ademais de investigadores.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: