O rexedor do Porriño, Raúl Francés, repetirá alcaldía cando os de CXP voten o seu propio candidato. García Seoane procura o apoio dos socialistas.
As dúas escisións do PPdeG que conseguiron representación no Porriño non converxerán de momento nin entre elas nin cos populares. O complexo mapa de resultados vaise resolver de momento coa continuidade no goberno para o BNG.
Os resultados electorais do pasado 27 de maio déronlle ao BNG un total de 5 concelleiros, fronte aos 3 dos anteriores comicios; o PPdeG tirou catro, tres menos que en 2003. Mentres, o PSdeG subiu a 3, un máis dos que tivera catro anos antes; Cidadáns por Porriño outros 3, e Independentes de Porriño, 2 edís, polo que descende en tres, respecto dos cinco que obtivo hai catro anos.
Este martes, a formación Ciudadanos por Porriño manifestou que non apoiará para a alcaldía "ningún outro candidato doutros partidos, indistintamente da súa ideoloxía,", polo que só votará o seu cabeza de lista, Nelson Santos. Se o vindeiro fin de semana votan nese sentido, a formación achegará ao BNG do actual rexedor en funcións, Raúl Francés, á alcaldía.
Novo pacto posíbel en Oleiros
Por outra parte, en Oleiros, onde Alternativa dos Veciños gozara do apoio do BNG, a candidatura liderada por Anxo García Seoane convida agora ao PSdeG a "un goberno compartido". A executiva de Alternativa dous Veciños de Oleiros remitiulle este martes unha carta ao secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, para solicitarlles unha reunión na que se poida "alcanzar un acordo entre as dúas forzas que posibilite un goberno de futuro, progresista e estábel".
O pasado 27 de maio as urnas concedéronlle 9 representantes a Alternativa dos Veciños, 7 ao PPdeG, 4 ao PSdeG e 1 ao BNG.