Existe xa a iniciativa de crear unha Reserva Mariña de Interese Pesqueiro en Carnota, que podería axudar a garantir a recuperación do mar.
Este día, que se celebra por iniciativa canadense dende hai ben pouco tempo, nace co desexo de reivindicar a defensa dos océanos -das dúas terceiras partes da superficie da Terra-, contra as agresións humanas.
A metade do osíxeno que respiramos vén dos océanos, pero agora enfróntanse a ameazas moi próximas que os alteran e os degradan: a sobrepesca, a pesca destrutiva, a pesca pirata, o impacto do cambio climático e a contaminación. Asociacións ecoloxistas coma Greenpeace aseguran que estamos a degradar de tal xeito a vida nos océanos até o punto de que especies e ecosistemas están ao borde do colapso.
A través das súas interaccións coa atmosfera, litosfera e a biosfera, os océanos xogan un papel fundamental na conformación das condicións que fan posíbel a vida no planeta. Son o hábitat dunha vastísima colección de prantas e animais e proporcionan alimento, enerxía e múltiples recursos ao ser humano.
O Día Internacional dos Océanos
En 1994, naceu na Convención das Nacións Unidas a Lei para os Océanos e o ano 1998 foi designado como o Ano Internacional dos Océanos. Hai algo máis de 50 anos, o océano era aínda en gran parte un espazo natural virxe. Hoxendía, a sobrepesca e a contaminación son unha ameaza para a súa saúde, en particular as zonas costeiras, que son as máis produtivas do medio mariño.
Segundo os cálculos dos científicos do Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático (IPCC), os efectos do aquecemento global nos océanos achéganse xa ao peor dos cálculos, con aumento do nivel do mar, furacáns devastadores e perda dos corais. A tendencia actual, comprobada por satélite, mostra que o nivel do mar sobe tres centímetros por década, o que se achega ao peor escenario de todos os calculados polo IPCC. Entre 1900 e 2000 o nivel do mar creceu vinte centímetros, e o IPCC, no seu informe de 2001, suxeriu que ata 2100 podería crecer entre 9 e 88 centímetros máis.
Todo pasa pola loita constante entre a riqueza e a pobreza, dentro dos escuros agoiros que sempre falan do capitalismo mundial. O estado dos océanos continúa a empeorar en proporcións alarmantes e os compromisos nacionais, estatais e internacionais fican en declaracións de intencións e boa vontade, pero non pasan daí.
As ameazas máis próximas do mar galego
En Galiza, xunto á sobrepesca, unha das grandes ameazas é a destrución da costa. No Estado Español o 34% do primeiro quilómetro de costa está urbanizado, alcanzando o 39% en Cataluña e o 50% en Málaga e Barcelona. En Galiza, ademais da destrución das zonas costeiras, sobre todo polo crecemento desproporcionado e nada regulado da construción, atopámonos coa sobreexplotación do mar.
Unha das iniciativas que se están a desenvolver aquí para combater a destrución do mar son as Reservas Mariñas de Interese Pesqueiro, áreas que teñen por obxecto protexer zonas de reprodución, caladoiros de pesca mediante sistemas de xestión baseados en modelos de explotación ecoloxicamente sustentábeis.
A primeira Reserva de Interese Pesqueiro de Galiza foi promovida en 2005 pola pola Confraría de Lira (Carnota) co apoio da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG). A Xunta prometeu apoiar o proxecto en abril deste ano, e pronto botará a andar co nome de Reserva Mariña de Interese Pesqueiro d'Os Miñarzos, na zona de Lira, entre Muros e Carnota.