Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A destrución do noso litoral

O pasado mércores 9 de novembro tivo lugar a demolición, por parte da demarcación de Costas do Estado en Pontevedra, dun quiosco ubicado na praia dos Raeiros en San Vicente do Mar, no termo municipal do Grove. Neste concello nunca se tivo en conta a estruturación tradicional dos barrios mariñeiros de Peralto ou Lordelo, non se respectaron as fachadas que daban ó mar a todo o longo da súa cara norte, onde non é dificil atopar casas de máis de tres pisos con menos de dous metros de fachada e onde agroman as residencias de verán. Isto supón toda unha revolución nun concello cun urbanismo desfasado, no que nos últimos trinta anos a poboación medrou en dous mil habitantes e seis mil vivendas, polo que parte da fachada marítima se viu expoliada por recheos, urbanizacións a pé de praia e torres de pisos a prezos prohibitivos. Un concello onde a vivenda protexida é totalmente inexistente.

- 09:24 23/11/2005
Tags:

A poucos kilómetros dos Raeiros atópase o porto deportivo de Pedras Negras, en San Vicente do Mar, que historicamente fora un porto de abrigo para os mariñeiros que traballaban naquela costa. Sobre ese porto construíronse unhas completas instalacións náuticas, nun lugar que, teoricamente, era público e agora está acordoado, edificado e privatizado para uns poucos. Cando se remodelou ese porto para os mariñeiros quedou un pequeño pantalán, case en terra, que co primeiro temporal foi polo mar abaixo, ó igual que boa parte dos quebramares. E isto por non falar do estado en que quedou a cercana e fermosa praia do Oasis onde, dun día para outro, chantáronlle no medio un porto náutico e chalés nos arredores onde a estrema dos seus muros coincide coa liña que marca a preamar. Con estes antecedentes de primeiro permitir construír para logo legalizar, cando debería de ser ó revés, non é de estrañar que cando se fala de caos urbanístico, sempre apareza na conversa o nome do Grove como exemplo.

Así e todo, non se chegou ós límites doutras zonas como Sanxenxo ou Baiona. En Portonovo, o prezo medio da vivenda alcanza cifras que rondan os 420.000 euros, e falamos dun piso de dúas ou tres habitacións sen grandes luxos, e non con vistas ó mar precisamente. Amáis da pouca iniciativa municipal de construír vivenda protexida, está provocando que aqueles que se atopan buscando un lugar para vivir, teñan que acudir ás zonas de interior ou a cambiar de vila, nos peores casos. É o exemplo dos concellos altamente turísticos e onde a especulación non respectou cascos históricos nin barrios mariñeiros por non representaren unha riqueza inmediata para os intereses especulativos, que prefiren o pan para hoxe e mañá xa se verá, e onde se consentiu a destrución indiscriminada de parte do noso patrimonio inmobiliario, que por desgraza parece estar abocado á máis irremediable das desfeitas.

Os que nacemos e vivimos nos concellos costeiros das Rías Baixas estamos afeitos á proliferación de vivendas de verán, segundas e incluso terceiras residencias nos mellores enclaves das nosas vilas; e cando ó falar de vivendas de luxo se lle aumenta aquilo de "en primera linea de playa" parece que un apartamento acada un empaque impoñente, sabemos que son inalcanzables para a maoiría dos veciños, e que nas máis das veces pareceran gozar da impunidade que dan os cartos. Unha impunidade da que non fixeron gala en lugares coma na Mariña lucense, onde non hai moitos anos, se derrubara unha mole na praia de Benquerencia de Barreiros (e iso que era dunha entidade bancaria) ou no concello de Oleiros onde da década de 1980 se confirmaba con forza iniciativa de racionalizar o urbanismo municipal, marcando fitos importantísimos ó conseguir nos últimos anos daquela década facer desaparecer sendas construcións ilegais, levadas a cabo na súa beiramar e incluso na mesma illa de Mera, facendo que hoxe en día o urbanismo levado a cabo neste concello nos últimos trinta anos sexa exemplar: erradicación do "feísmo", grande número de espazos verdes, control da especulación, cesión ó concello de zonas de equipamento, alto nivel de servizos, vivendas de prezo público en todo o termo municipal…

Parece que algo está mudando no xeito de entender o traballo por parte de Costas do Estado, que "se reserva una importante cantidad de dinero para proceder a demoliciones como la efectuada en O Grove y dejar todo el litoral limpio y en perfecto estado", tal como afirmou Cristina de Paz, xefa do servizo dese organismo estatal. Polo que se ve, a intención de Costas é facer cumprir a lei. A ver se por fin se limpa todo aquilo que emporque os terreos que son de todos nós en xeral e que parecía que non foran de ninguén en particular.

Falamos de cambios pensando en que, a partir de agora, se vaia desterrar a desidia imperante verbo destes asuntos por parte das administracións, xa que lonxe do que se poida pensar, o quiosco acabado de derrubar no Grove non foi construído recentemente, senón que se trataba dunha daquelas dependencias con varias décadas de historia. Ese inmoble levaba moitos anos funcionado nos veráns, e de feito, o actual propietario xa non era o primeiro.

A partir desta primeira actuación, quédalle ó organismo de Costas un longo traballo por diante, que parece que xa escomezou en dirección ó norte desta marxe da Ría da Arousa. A seguinte construción será unha pequena nave situada na fermosa praia da Area da Secada, no norte da Illa da Arousa, longo labor xa que se trata de revisar toda a costa, porque se trata de un tipo de edificacións que proliferou dende décadas atrás e a súa posta ó día antóllaseme difícil de levar a cabo cando menos a medio prazo, trátase de revisar moitas praias como as de Cón Negro do Grove, onde abundan unha especie de cabanas de lata, cunha pequena horta na que teñen pilón e tendais para secar a roupa, das que moitas veces nos temos preguntado se alguén se interesou pola súa licenza. Construcións inocentes unhas e sospeitosas outras, pero ás que todas deberían revisar hai xa moito tempo.

Esperemos que con esa ansiada revisión tamén se topen os portos deportivos, hoteis ou os amplísimos chalés propiedade de políticos, artistas, modistos ou empresarios construídos a plomo da liña do mar, mesmo con muros desafiando as ondas, que case pretenden darlle un carácter privado ás nosas costas; xa que ó fin de contas o quiosco de praia é un rival de ladrillo bastante feble, pero o granito do Porriño tamén pode sucumbir ó mecanizado brazo hidráulico das excavadoras. Esperemos que lles chegue ese momento de renderen contas do que se veñen librando sistematicamente dende hai tantos anos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: