Traballadores da mina de Serrabal e de Ferroatlántica aproveitaron a presenza do presidente de Adif e de representantes da Xunta para amosarlles o seu descontento.
Máis dun cento de traballadores da mina de Serrabal e da empresa Ferroatlántica mobilizáronse o martes á tarde na Coruña durante preto de media hora. Os manifestantes, procedentes maioritariamente de Vedra, Cee e Arteixo, cortaron o tráfico da cidade diante da delegación do goberno español.
Ao lugar acudira o presidente da Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Antonio González Marín, para informar a Xunta e os sindicatos da decisión do goberno central de manter o trazado do AVE que lle afecta á explotación mineira. A circulación quedou bloqueada por completo no principal acceso ao centro da cidade, até que accederon a abrir o tráfico.
Porén, os traballadores decidiron seguir diante das portas da delegación até que rematase a xuntanza. Mentres, outros empregados das empresas afectadas mantéñense pechados nos concellos de Vedra, Cee e Arteixo.