As concentracións prodúcense no interior dos consistorios de Vedra, Cee e Arteixo, afectados polo posíbel peche da mina.
Traballadores da mina de Serrabal e de Ferroatlántica pecháronse nos concellos de Vedra, Cee e Arteixo para pedir un cambio no trazado do AVE entre Compostela e Ourense que ameaza o xacemento. O peche prodúcese co apoio dos concellos afectados, segundo asegurou o delegado de persoal do grupo Ramsa, Florentino Castro.
Castro concentrouse no consistorio de Vedra, municipio onde ten a súa sede social a mina. “O ministerio de Fomento fixo unha manipulación da reunión que tivemos”, afirmou. “Dixeron que todo se ía solucionar e que só estaban pendentes dun pequeno detalle. En realidade, só nos pararon para teren as eleccións tranquilas”.
Segundo o delegado de persoal, no concello de Vedra pecháronse arredor de cen persoas, entre empregados da mina e subcontratados, aos que hai que sumar as mobilizacións dos concellos de Arteixo e de Cee, onde se atopan as factorías de Ferroatlántica que dependen da materia prima.
Os representantes sindicais da CIG e de UXT decidiron o luns que retomarían as accións de presión para demandar un novo trazado do AVE que salve o futuro de 1.500 familias. Afirman que o silicio que se extrae da mina é dunha calidade única en Europa e que paga a pena atrasar o tren de alta velocidade, cuxo trazado definitivo, en todo caso, non está pechado.