Un interventor do BNG fixo constar en acta que o coñecido Epifanio Campo votou na Laracha pese a vivir na Coruña.
Un interventor que estaba nunha mesa da localidade puido comprobar como acudían a votar funcionarios e un coñecido empresario que non residen no municipio. Todos os votantes estaban censados nun edificio da capital municipal que, segundo o BNG, é propiedade dun matrimonio de funcionarios do Concello da Laracha. Dáse a circunstancia que a dona é a encargada de levar o censo municipal.
Segundo o Bloque larachés, empregaron esta argucia unha traballadora social que vive en Carballo, un administrativo que reside na Coruña e outro que ten o seu domicilio en Coristanco. Porén, o que máis sorprendeu aos nacionalistas foi ver votar a Epifanio Campo, un acaudalado empresario local que ten a súa residencia na exclusiva zona de Cidade Xardín, na Coruña.
O empresario, que é irmán do coñecido alcalde de Ortigueira, posúe dende hai décadas a empresa Cerámica Campo, unha das máis importantes da comarca de Bergantiños. Os nacionalistas acúsano de ser un dos que moven os fíos da política municipal. O ex alcalde, Xesús Becerra, era empregado desta compañía. Agora agardan que a Xunta Electoral de Zona teña en conta as alegacións presentadas.