Non sabemos se lles funcionaron ou non, pero si que foron galardoadas: as palabras que Rebeca Silva, Teresa Villanueva e Cristina Rey escolleron para gañar o primeiro concurso Lingua de amor.
Logotipo do certame
O xurado estivo integrado por Dolores Vilavedra, crítica literaria, que acudiu en representación do Consello da Cultura; Azucena Rodríguez, secretaria xeral do Consello da Xuventude de Galicia, que acudiu en representación da presidenta Dolores Rodríguez Amoroso, presidenta do CXG, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do mesmo e os representantes das librarías Couceiro e Follas Novas. Reuníronse no Consello da Cultura Galega (CCG) para escoller aos premiados (premiadas, neste caso), da primeira edición do certame Lingua de Amor, posto en marcha polo CXG, con motivo do Día das Letras Galegas e do Día Internacional de Internet.
Comezou a súa andaina o día 9 de abril, percorreu institutos, oficinas de información xuvenil e facultades, e rematou o 15 de maio cun milleiro de declaracións. Xa podemos coñecer as declaracións premiadas: Rebeca Silva Trasbach merece o primeiro premio, consistente nunha Videocámara Mini DV Samsung VPD361, coa declaración "Por seres ti": "Polos zumes de laranxa e pomelo que me fas cada mañá. Por deixarme que poña a Morrissey 26 horas ó día. Por non te rires da miña manía de poñer sempre o mesmo calcetín no mesmo pé. Por aturar as miñas arroutadas cun sorriso. Polos bicos que curan a resaca. Por seres o que máis me gusta de min. Porque non cho dixen no seu momento. Quérote".
O segundo, consistente nunha cámara Sanyo PSDCN912, foi para María Teresa Villanueva Gesteira, coa breve declaración "Nós". "Deixou de gustarme o singular porque xa non quero ser EU quero ser NÓS". E o terceiro, cun MP4 Blu:Sens 1027 , para Cristina Rey Piñeiro, coa declaración "E apareciches ti": "Quería non sentir, non escoitar, non ver, non querer, non ansiar, non soñar, non anhelar, non entregar... Non quería esperar doces apertas, bicos de mel e lume, palabras de amor, tremores de paixón, caricias de abandono e devoción... e apareciches ti..."
Os premios foron cedidos por Activa Galicia, pola libraría Couceiro e a libraría Follas Novas. Cada unha das gañadoras obtivo ademais un lote de libros en galego, e os 200 primeiros/as participantes recibirán tamén un agasallo cedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística: unha memoria USB da campaña de fomento do galego "E logo!". Os premios serán entregados este venres 1 de xuño, ás 18:00, no Consello da Cultura Galega.