A candidata do PSdeG denunciou os feitos á Garda Civil, que identificou un grupo de persoas que foron "montar liorta", segundo sinalaron responsábeis socialistas.
A Garda Civil de Caldas de Reis foi requirida na mañá do domingo para acudir a unha mesa electoral situada no lugar de Cangrallo, en Barro, onde a patrulla procedeu a identificar un grupo de persoas que "foron montar liorta", segundo denunciaron responsábeis do PSdeG neste concello pontevedrés.
A incidencia non interferiu, segundo a Garda Civil, no normal desenvolvemento da xornada electoral, polo que lle quitaron transcendencia aos feitos.
Con todo, a candidata do PSdeG á alcaldía deste municipio, Margarida Canay, asegurou que os "cachorros do PP" irromperon no colexio, enfrontáronse ao presidente da mesa, e cando lles chamou a atención, "faltáronlle ao respecto".
Dende o PSdeG denunciaron que esta acción estivo organizada, porque as cousas "non xorden por xeración espontánea".