Touriño rexeitou este xoves un acordo xeral co BNG, ao xeito de 2003, indicando que os pactos serán "concello a concello". Con todo, asegurou que o PSdeG non pactará co PP.
Ás portas do peche de campaña, o secretario xeral do PSdeG afastouse do pacto global asinado en xuño de 2003 á beira do voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana. Daquela, as dúas formacións subscribían conxuntamente a vontade de chegar ao pacto en todos aqueles concellos onde as sumas lles permitisen apartar o PPdeG dos gobernos locais. Desta volta, Emilio Pérez Touriño explicuou que "dependendo do que voten os cidadáns en cada municipio débese estabelecer e formular o correspondente acordo de programa e goberno". Ademais, subliñou que os socialistas non pactarán "en ningún caso" co PPdeG.
Por outra parte, na súa intervención nun mitin en Ourense, Touriño pediu esquecer "o pasado e as xentes do pasado" e solicitou o apoio ao PSdeG para axudar a que as cidades sexan "locomotora do país, a partir da súa capacidade dinamizadora e emprendedora". "Convócovos a seguir desmantelando peaxes", afirmou, "como facemos desde o goberno, desde onde suprimimos a dura peaxe que soportaban as familias humildes para mercar os libros de texto ou das familias para coidar os seus avós e persoas dependentes". "Suprimimos a peaxe Dozón-Ourense que outros, os que venderon as autoestradas, impuxeran", engadiu Pérez Touriño.
Ao fío, relatou que "os que privatizaron as autoestradas están a dicir nesta campaña unha verdade: que a peaxe Dozón-Ourense a pagarán todos os galegos". "Eles decidiron que debía pagar Ourense, nós decidimos que pagaría toda Galiza, e esa é a diferenza, o noso chámase solidariedade interterritorial e reequilibrio", subliñou o líder dos socialistas.