As eleccións do 27-M son un test para os políticos de España e Galicia. Chega o momento de saber a incidencia que teñen nas urnas os acontecementos da crispación. Un artigo de Justo Beramendi.
O presidente de Acción Nacionalista Vasca (ANV), Kepa Bereziartua
A política, en Galicia e en España, parece nestes meses o cervantino patio de Monipodio, magno congreso de pícaros e tramposos de toda laia. Ao máxico conxuro electoral saen á superficie todos os vicios, pudicamente agachados no interregno. Xerentes benfeitores do cidadán desvélanse en facilitarlle o voto por correo intentando falsificar os impresos oficiais, como en Melilla. Alcaldes e alcaldesas (máis de douscentos segundo o INE) atopan unha nova vía para o desenvolvemento dos seus concellos no engorde fraudulento dos censos, mesmo empadroando de oficio os presos, como en Outeiro de Rei. E non só o fan senón que o consideran "algo normal antes das eleccións", como declarou á prensa con total descaro a alcaldesa da Porqueira, que para algo é politicamente tan virtuosa que ninguén pode dicir con certeza se está/estivo no PSdeG ou no PP. En innumerables municipios non se sabe onde termina o alcalde/concelleiro e onde empeza o promotor/construtor operativo nese territorio. Simbiose político-económica que algúns voceiros do PP estiman tamén "normal" ou cando menos "legal", aínda recoñecendo que se cadra non é "moi ética" (pero isto non importa), e que outros elevan incluso á categoría de virtude. E se non que llo pregunten a Telmo Martín que, despois de deixar Sanxenxo feita un primor, promete gobernar Pontevedra "como unha empresa".
Convencidos da súa razón e de que todo o fan polo ben do seu pobo, eses alcaldes póñense bravos contra as accións correctoras doutras administracións e atribúen calquera acción policial ou xudicial ás manobras políticas do adversario, agás cando alguén é collido coas mans na masa, como en Gondomar. De aquí que nesta primavera agromen as rebeldías máis que as follas nas árbores. Baril actitude que florece en case todos os eidos. No do PP, en Ferrol co incrible edificio en medio da praza de España ou co proxecto para converter unha fraga en bosque animado de ladrillos. No do PSdeG, en Foz validando 40 licenzas que debían anularse segundo a Consellería. E tantos e tantos outros en Galicia e fóra de Galicia. E logo está o asunto do voto dos emigrantes. E non é asunto pequeno en Galicia, pois xa hai rexistradas no CERE 319.042 persoas, aproximadamente un 13% do censo total. Vén sendo este un cobizado e manipulable caladoiro do que quitar votos suficientes para desvirtuar a vontade política maioritaria dos veciños nos pequenos municipios. E como esta pesca non está sometida ás regulacións da Unión Europea nin a convenio internacional ningún, alá van todos os que poden a ver que collen con artes permitidas ou prohibidas. Ata o Cid-Fraga quere gañar alí batallas despois de politicamente morto. E os que non poden afánanse dende a casa en pescar por correo. Por fortuna este asunto adquiriu tal dimensión que empeza a discutirse abertamente. Xa son relativamente frecuentes nos medios as opinións de cidadáns "normais" (deses que lle gustan a Rajoy) que estiman unha aberración democrática que poidan decidir quen goberna un municipio ou da propia Galicia persoas que nunca estiveron nel nin saben nada del. E se sae adiante sen correccións o actual proxecto de ampliación da cidadanía española aos descendentes dos emigrantes, a cousa pode chegar a extremos de esperpento, porque poderían votar non só os emigrantes e os seus fillos, senón tamén o netos, os bisnetos e os tataranetos. Coido que hai solucións para compaxinar a adecuada atención (que non se lles presta) aos emigrantes necesitados e o recoñecemento da súa españolidade ou galeguidade co respecto ao principio elemental de que non debe votar aquel que non vai apandar coas consecuencias do seu voto. Por exemplo, que se suspenda o dereito de sufraxio a partir dos cinco anos de ausencia e de recuperarse cando se retorne (como xa se fai noutros Estados) ou que os descendentes adquiran automaticamente o dereito de sufraxio cando se aveciñen aquí. O resto de propostas, como reclamar limpeza e voto en urna, é poñer parches a un problema máis grave do que parece, polo menos en Galicia.
Poñen en cuestión a calidade da democracia
É certo que a corrupción e as irregularidades son cuantitativamente maiores na dereita que na esquerda, pero isto, que pode ser potente munición electoral, non debería tranquilizarnos respecto do que realmente importa: a calidade da nosa democracia, a consecución dunha conciencia cívica que converta en "anormais", en apestados sociais, a tramposos e corruptos; en suma, que a honestidade no modo de acceder ao poder e de administrar os recursos públicos sexa realmente unha regra universal, que coñeza moi contadas excepcións. Pero en todo isto non se dirime só que continúe ou se inverta o longo proceso de deturpación da cousa pública que vimos padecendo. Están en xogo tamén outras cousas. A primeira é a conservación ou a destrución irreversible dunha parte substancial da nosa paisaxe e do noso medio ambiente, así como a dependencia da nosa economía ata niveis patolóxicos dunha burbulla inmobiliaria que antes ou despois ten que estoupar e provocar unha crise. Desenfreo urbanístico e corrupción municipal son dúas caras dunha mesma moeda. Fai ben a Xunta intentando prohibir novas construcións a menos de 500 metros da beiramar, obrigando a unha alta reserva de solo para vivendas sociais e rexeitando planeamentos e concesións de licencias que crean ou crearán situacións insostibles. Fai ben o PSdeG dicindo que as cidades e vilas deben ser para os "cidadáns e non para os especuladores" e predicando a incompatibilidade entre ser titular de poder municipal e ter intereses particulares en materia de promoción ou construción no municipio (algo que debía estar na lei por ser unha incompatibilidade manifesta). Fai ben o BNG presumindo de "traxectoria inmaculada" e mellor fará e poder seguir presumindo diso. Esperemos que se sempre apliquen tamén a si mesmos tan boas medicinas. Esperemos que non esquezan os bos propósitos cando pasen as eleccións. A segunda cousa que está en xogo a longo prazo é a propia autonomía municipal. A sociedade non aturaría indefinidamente que esta se convertese en patente de corso para o medro dos tramposos. Como todo na vida, a autonomía municipal non é un ben absoluto. É boa e necesaria, si, pero só se é administrada rectamente. Por iso a súa conservación, e máis aínda a súa ampliación, debería acompañarse dos mecanismos extramunicipais de detección, control e corrección rápidas das irregularidades que todos sabemos xa que poden producirse e se producen. Que haxa autonomía para todo menos para meter a man na caixa (por exemplo, autoatribuíndose soldos desorbitados), para malversar ou para prevaricar. Neste sentido, o proxecto de que interventores e secretarios sexan libremente nomeados polos concellos é unha pésima noticia. E por suposto, habería que resolver dunha vez a cuestión da suficiencia do financiamento municipal para que este problema real non sirva de pretexto á procura de fontes ilegais de recursos, de "mordidas" nas recualificacións (que deberían restrinxirse ao máximo por lei) e nas licenzas.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)