"Ence seguirá en Galiza, pero non na ría", dixo Emilio Pérez Touriño en Pontevedra.
"Salvaremos o emprego e os postos de traballo e para conseguilo, como todo na vida, non hai unha pócema milagrosa, senón traballo, suor e bágoas", dixo Touriño durante a súa intervención no acto electoral do PSdeG en Pontevedra.
Por outra parte, o secretario xeral dos socialistas galegos falou contra a "tentación permanente do PP" de aproveitar os gobernos locais para "confrontar e desgastar". "Así non se constrúen cidades", afirmou Touriño, "os problemas reais necesitan de cooperación para resolvérense". Nesa liña, pediu transparencia e confianza para "resolver o futuro remando na mesma dirección".
Ademais, o acto de Pontevedra, cidade onde goberna o BNG, serviulle a Touriño para alén dos dardos cara ao PPdeG, tirar tamén contra a formación coa que comparte goberno. "Cando se está nun concello ou na Xunta, mala historia estar en misa e repicando" ou "en manifestación e gobernando".
No mitin pontevedrés estivo tamén Antón Louro, coordinador dos socialistas galegos no Congreso, número dous na lista e de quen se especulou durante algún tempo coa súa posíbel candidatura á alcaldía da cidade. Louro cargou especialmente contra o BNG local: "fáltalles proxecto e sóbralles prepotencia" e acusounos de non ter proxecto político para a cidade. Finalmente, a candidata socialista, Teresa Casal, criticou o aspirante do PPdeG, Telmo Martín, lembrando a súa condición de promotor inmobiliario.