En Ourense os populares cederían a maioría absoluta en favor dun posíbel pacto con liderado do BNG.
A de Ourense sería a única maioría absoluta para o PPdeG segundo a enquisa publicada este domingo polo xornal La Voz de Galicia. A análise concede outras tres posíbeis maiorías absolutas, neste caso para o PSdeG: a de Orozco en Lugo, reforzada por un asento máis ca en 2003; a de Losada na Coruña, amarrando por pouca diferencia a maioría herdada de Francisco Vázquez; e a novidade, a pequena diferencia que segundo este estudo separaría a Sánchez Bugallo da absoluta en Santiago de Compostela, axudado da forte caída do PPdeG na capital.
Por outra parte, a mesma enquisa indica un forte incremento para os populares en Vigo, apenas un representante por baixo dos necesarios para gobernar en solitario. Destacan tamén na cidade olívica o incremento de apoios durante a campaña para o BNG e a posíbel caída de apoios para o PSdeG respecto aos resultados de 2003. Significativa tamén a posíbel perda de representación do Partido Galeguista, liderado por Manuel Soto.
O Faro de Vigo publica tamén este domingo o seu prognóstico sobre esta cidade, coincidindo co xornal coruñés en avaliar o crecemento continuo dos votos para a candidatura de Corina Porro, agoirando a perda dos dous asentos do PG, e concedéndolle a socialistas e nacionalisas similares resultados ca en 2003, o que lles permitiría un goberno de coalición. As sondaxes de Faro e Voz difiren especialmente na avaliación da porcentaxe de indecisos, que segundo o diario vigués é mínima e que segundo La Voz é aínda a máis alta das sete cidades.
Finalmente, a sondaxe de El Correo Gallego é a que atreve as variacións máis importantes para este 27M. O estudo deste xornal concédelle a Corina Porro a maioría absoluta en Vigo e asegura que pola contra, os populares perderán a absoluta en Ourense, onde o BNG sacará 8 concelleiros, por 6 para os socialistas. Ademais, esta enquisa tamén prognostica que o PSdeG de Xavier Losada conseguirá na Coruña un concelleiro máis dos obtidos cando o partido era liderado por Vázquez. Os dous estudos de coinciden en dar por seguro que o PPdeG perderá ampla cota en Ferrol, sen posibilidade de que a suma con IF lle permita reeditar o goberno actual.