Os comicios locais serán a súa primeira proba electoral como presidente do PPdeG.
Feijoo necesita manter os resultados para sufocar rebelións internas
Os primeiros comicios sen a presenza de Fraga van marcar un punto de inflexión para a dereita galega. O PPdeG leva buscando o seu propio espazo dende que no verán de 2005 tivera que ceder o poder en San Caetano. Pouco despois comezou a batalla por un liderado interno que gañou Alberto Núñez Feijoo grazas ao apoio do aparato estatal.
Feijoo traía o seu modelo de partido debaixo do brazo e non tardou en mover ficha. A súa principal preocupación nos primeiros meses foi achegarse ao principal alicerce dos conservadores: As alcaldías. Feijoo multiplicou as súas visitas, incluso a pequenos municipios do rural, para conseguir fidelizar as bases.
Como haxa caída electoral...
En pouco máis dun ano houbo mudanzas significativas no PP, a máis destacada é a marcha do barón lucense, Francisco Cacharro Pardo. O seu adeus non está a ser doado. Nos últimos meses, encargouse de advertir publicamente que unha baixada electoral significaría un fracaso da actual dirección. O conflito fíxose aínda máis evidente hai poucas semanas. Unha deputada do PPdeG acusaba a Cacharro de argallar listas independentes e de Terra Galega para boicotear as dos populares.
O monolitismo do PPdeG nunca foi tal e Feijoo sabe que cartas hai en xogo. Por iso, tampouco quere perder de vista a Xosé Cuiña. Un destacado dirixente socialista sinaláballe a Vieiros que o de Lalín segue a ser unha dor de cabeza para a cúpula popular: “Se o PP non ten uns bos resultados, estou seguro de que Cuiña vai dar co pau enriba da mesa”. O ex conselleiro podería ter unha das últimas bazas para esixir máis peso na política galega.
As trincheiras están nas deputacións
Mais a dereita segue a ter unhas magníficas trincheiras que son as deputacións provinciais. O 27-M saberase se o parapeto aínda funciona. PSdeG e BNG cren que poden repetir goberno na da Coruña e incluso tumbar as de Pontevedra e Lugo. E, precisamente, se nalgún sitio se visibiliza o poder destas institucións é nos pequenos concellos que dependen en boa maneira dos seus investimentos.
A batalla polas sete cidades tamén se prevé complicada para os populares. Os inquéritos apuntan que o mellor escenario para os populares sería gobernar en Vigo e en Ourense, o peor, tampouco descartábel, é ser oposición en todas as urbes do país. Ista posibilidade, canda unha baixada de concelleiros nos municipios de tamaño medio e pequeno, deixaría á dirección de Feijoo no punto de mira dos sectores que agora atravesan a súa particular travesía polo deserto.