Ecoloxistas en Acción presenta unha campaña que pretende coordinar as iniciativas locais contra a especulación urbanística.
Ecoloxistas en Acción acaba de pór en marcha a campaña Nin un metro máis de formigón, unha iniciativa de ámbito estatal que pretende servir como coordinadora dos movementos sociais locais contra a especulación urbanística.
O obxectivo é o de dotar a cada grupo da asociación de ferramentas que potencien o seu traballo e faciliten a súa difusión, segundo informa Ecoloxistas en Acción na súa web.
"Asistimos cada día a un novo escándalo urbanístico, exemplo do uso irresponsábel e devastador do territorio. O que debía ser un uso racional do solo transformouse nunha ocupación especulativa do territorio, que xera graves problemas ambientais e sociais e fomenta modelos de corrupción", sinalan.
'Mapa da especulación'
Ademais, aportan datos "elocuentes" sobre esta situación: "entre 1987 e 2000 a superficie urbanizada no Estado incrementouse un 29,5%, e as estimacións de 1987 a 2005 sinalan que o incremento alcanzou o 40%".
A campaña inclúe cursos e materiais de asesoramento xurídico no eido urbanístico, así como ferramentas de coordinación como o Mapa da especulación, unha aplicación en rede que permite amosar e pór en común o seguimento dos distintos casos de especulación.