O tribunal que o vindeiro venres o ía xulgar por delitos de inmigración ilegal considera que o goberno estadounidense "enganou" ao acusado durante o proceso.
Antiga fotografía de Luis Posada Carriles
Un tribunal federal dos EUA, en El Paso (Texas), desestimou os cargos por delitos de inmigración contra o terrorista Luis Posada Carriles, porque, segundo a xuíza instrutora, o goberno estadounidense cometeu un "fraude", e "enganou" e "mentiu" durante na tramitación do caso.
Porén, segundo informou o voceiro do Departamento de Xustiza dos EUA, Dean Boyd, estase a revisar a decisión.
"Son libre", declarou Posada Carriles nunha canle de radio de Miami tras coñecer a decisión, segundo informa a axencia de noticias AFP. "Grazas a Deus, a vós, meus irmáns, ao pobo de Cuba... por esta vitoria" dixo.
Reacción do goberno cubano
"Esta medida é un crime contra os cubanos e os países que perderon aos seus fillos e fillas no atroz atentado de 1976 que derrubou un avión de pasaxeiros da compañía Cubana de Aviación sobre as costas de Barbados", manifestou o goberno de Cuba mediante un comunicado.
A Habana acusa os EUA de aplicar un unha dobre vara de medir na súa 'guerra contra o terror'. "A liberación do terrorista é unha decisión da Casa Branca, como compensación para que Posada Carriles non revele o que sabe, non fale da infinidade de segredos que coñece desde a súa colaboración como axente da CIA", sinalan na declaración oficial.
Posada Carriles permanecía en liberdade baixo fianza de 350.000 dólares (uns 260.000 euros) á espera do xuízo que estaba previsto para o vindeiro venres, por mentir na súa solicitude da nacionalidade estadounidense. Tras a liberación de Posada, o 19 de abril, o pobo cubano realizou numerosas mobilizacións de protesta por todo o país.