Ás once da mañá deron por concluído o peche que comezou onte na delegación de Pesca en Pontevedra.
Seis representantes das confrarías de San Telmo, Raxó e Lourizán remataron coa protesta, pero advertiron de que se organizarán outros actos para a semana que vén, para denunciaren o atraso da Consellería de Pesca en abonarlles os pagamentos comprometidos a raíz das inundacións.
O patrón maior de San Telmo, Miguel Pazos, salientou que dende o mércores até o venres os mariscadores teñen tres xornadas de traballo pendentes para a extracción de ameixa xapónica. "Xa bastante prexuízo económico teñen como para non iren traballar eses días". Mais tamén sinalou que os actos de protesta van continuar, e que o venres ás 18.00 terán unha asemblea na lonxa de Campelo para organizaren o calendario de mobilizacións.