A confraría de San Telmo segue a demandarlle á Consellería de Pesca o pago das axudas polas inundacións deste outono, que afectaron aos bancos marisqueiros.
Hai dez días, o patrón maior da confraría de San Telmo, Miguel Pazos, advertiulle á Consellería de Pesca de que se non recibían nunha semana 585.000 euros en concepto de limpeza dos bancos de marisco afectados polas riadas de outubro, habían velos na rúa. Este luns 30 de abril, 300 mariscadoras de Combarro dirixíronse á delegación de Facenda en Pontevedra para reclamaren os cartos. Alí díxoselles que Pesca non lles transferira documentación ao respecto, e dende aquela están pechadas na sede da delegación de Pesca.
A consellaría afirma que o retraso no pago das axudas débese á mala xestión das cooperativas de Raxó, Lourizán e Pontevedra. As axudas distribuíronse de acordo cun crédito ponte avalado por Pesca. A delegada provincial, Ángeles Montero, ofreceulles ás mariscadoras, que permanecen pechadas nas dependencias deste departamento en Pontevedra, que o crédito sexa ampliado até 1.508.000 euros, para poderen cobrar xa o próximo mércores as axudas polas inundacións. As mariscadoras rexeitaron a oferta: as confrarías gastaron 575.000 euros do crédito para adiantarlles ás mariscadoras o pagamento das xornadas que dedicaron á limpeza de lamas.
Pola súa banda, Pesca lembrou que tan só tivo, de momento, dous días hábiles para comprobar a corrección da documentación que se lles requiriu para abonarlles as indemnizacións polas inundacións do mes de outubro.Esta documentación foi presentada o mércores 25 de abril na delegación de Vigo.