O organismo entende que aínda ten pendente por pagar indemnizacións a vítimas dos Grapo
A Xunta Electoral de Zona de Vigo impugnou este luns a presenza de Sebastián “Chano” Rodríguez nas listas do BNG desa cidade. O atleta paralímpico figura de número sete na candidatura nacionalista. A decisión está vinculada coa antiga militancia de Rodríguez nos Grapo. Porén, as motivacións da Xunta Electoral causan sorpresa xa que o pasado venres o goberno central concedeulle o indulto. O organismo entende que a súa candidatura non pode ser legal até que lle pague as indemnizacións ás vítimas das súas accións.
Dende o BNG xa anunciaron que van presentar un recurso contra esta decisión na Xunta Electoral Provincial xa que coidan que o indulto concedido polo goberno estatal absolve a Sebastián Rodríguez de calquera culpa.
Reinsertado
Aínda que naceu en Cádiz, Rodríguez reside en Vigo. En 1985 entrou na cadea logo de ser condeado a 84 anos de prisión por diversos atentados. Logo de 432 días en folga de fame (en 1990) sufriu un grave deterioro da súa saúde e dende aquela precisa dunha cadeira de rodas.
Ao saír da cadea, integrouse no movemento asociativo vigués onde destaca polo seu apoio aos rapaces que sofren minusvalías. Como nadador, gañou diversas medallas nos Xogos Paralímpicos de Sydney 2000 e de Atenas 2004. É traballador da ONCE.