O PPdeG comprometeuse co PSdeG e co BNG a abordar a renovación de ambas as dúas institucións unha vez pasen as municipais.
A designación dos membros do Consello debe ser aprobada por dous terzos do Parlamento
Os portavoces dos grupos políticos con representación no Parlamento, PPdeG, PSdeG e BNG, mantiveron esta corta unha xuntanza para avanzar posicións respecto a designación do Valedor do Pobo e dos membros do Consello de Contas. Finalmente, as tres forzas acordaron adiar os traballos neste senso, até despois das eleccións municipais do 27 de maio.
"Estratexia dilatoria"
Porén, o voceiro nacionalista, Carlos Aymerich, advertiu que o BNG "confía en que esta non sexa unha nova estratexia dilatoria" dos populares.
O líder destes, Alberto Núñez Feijoo, xa adiantara hai días a intención do seu grupo de deixar para despois dos comicios a renovación de ambas institucións, de forma que os nomeamentos se puidesen realizar antes do verán.
Maioría insuficiente de PSdeG e BNG
A pasada semana, socialistas e nacionalistas amagaron coa posibilidade de modificar ambas as dúas leis se o PPdeG persistía en bloquear a súa renovación, de xeito que os populares deixarían de ser imprescindíbeis. Actualmente, unha maioría de tres quintos do Parlamento debe aprobar a designación do Valedor do Pobo, e unha de dous terzos, no caso do Consello de Contas.
Os grupos do bipartito e os populares manteñen diferenzas sobre a designación de tres novos conselleiros do Consello de Contas, incluído o conselleiro Maior, (todos designados polo Partido Popular), que concluíu o seu mandato hai dez meses. No caso do Valedor, este exerce o seu traballo en funcións dende marzo.