A noite do 25 de abril é a propia para gozar da retransmisión da homenaxe ao Zeca Afonso que tivo lugar o pasado venres 13 de abril en Pontevedra. A TVG e a RTP, no marco do seu primeiro convenio, emiten o concerto. Na televisión galega poderemos velo a partir das 22.00.
No vixésimo cabodano do cantautor que lle puxo voz á Revolução dos Cravos co tema Grândola, Vila Morena , hai exactamente 33 anos, as televisións públicas de Galiza e Portugal emitirán a súa coprodución, a homenaxe musical a José Afonso. Ademais, prevese elaborar tamén en conxunto documentais e telefilmes.
Segundo o director da TVG, Suso Iglesias, o fin da cooperación entre os dous entes é poñer de manifesto a relación cultural entre as dúas beiras do Miño. A Gala “Sempre Abril” é conducida polo galego Carlos Blanco e a portuguesa por Silvia Alberte; nela participaron preto de trinta grupos e músicos, algúns deles relacionados con Zeca Afonso en vida: Cantores do Redondo, Vitorino, Luis Pastor, Faltriqueira, Xico de Cariño, Treixadura, Víctor Coyote, Antón Reixa, João Afonso, Uxía Senlle, Dulce Pontes, Ugia Pedreira, o azoriano Zeca Madeiros, Miro Casabella, o caboverdiano Tito Paris, Janita Salomé, Sergio Godinho e Narf.
A homenaxe completarase cun documental que inclúe imaxes do cantante e declaracións de amigos do músico, como o portugués Fausto, ou de escritores como Rosa Aneiros, autora da novela sobre abril de 1974 editada por Xerais, Resistencia.