Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Pontevedra homenaxea ao cantautor

Sempre abril, sempre Zeca

Hai vinte anos que deixou de soar a voz que celebrou a revolución cando entoou 'Grândola' na radio portuguesa o 25 de abril de 1974. Artistas dunha beira e da outra do Miño lembran a figura de José Afonso nunha gala que será retransmitida pola TVG e pola RTP. Velaquí un dos seus últimos concertos, no 83:

Redacción - 17:55 13/04/2007



O Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle esta noite unha homenaxe a Zeca Afonso, que tanto a Televisión de Galicia como a RTP retransmitirán no simbólico 25 de abril. O home que lle puxo voz á Revolução dos Cravos con 'Grândola Vila Morena' morreu vítima da esclerose no hospital de Setúbal, o 23 de febreiro de 1987. Neste seu vixésimo cabodano, Portugal e Galiza lembran ao cantautor con todo tipo de homenaxes, como esta, que ha xuntar artistas das dúas terras: a fadista Dulce Pontes, as voces alentejanas de Vitorino e Janita Salomé, Sergio Godinho, Júlio Pereira, Zeca Medeiros, João Afonso e Cantadores do Redondo. Da nosa beira do Miño, as pandeireteiras Faltriqueira, a innovadora Mercedes Peón, Narf, Víctor Coyote, Antón Reixa, Uxía e compañeiros de viaxe como Benedicto, Miro Casabella, e Xico de Cariño. Mesmo gozaremos dunha banda luso-galego-africana baixo a dirección de Paulo Borges.

José Afonso, mestre, poeta e cantautor, tivo sempre unha fonda relación con Galiza, a súa “patria espiritual”, en palabras da cantante Uxía Senlle, directora artística do evento. “O noso amado Zeca Afonso mantivo sempre esa forza aglutinadora e foi activista e pioneiro no cultivo desta fraternidade alén Miño”. A cantante, que ten feito versións de temas do Zeca como 'Verdes so os campos', salientou a raíz común no imaxinario colectivo cultural e galego á hora de escoitarmos a música de José Afonso: “segue moi presente nas nosas vidas e debémoslle unha nova oportunidade de amosarlle o noso afecto, respecto e admiración, e agradecemento infinito pola súa música e tamén polas súas palabras”.


4,87/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: