Representantes de BNG, CIU e PNV reuníronse co Xosé Blanco para tratar tamén outros temas como a reforma do Senado e a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Segundo anunciou o senador e coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, a organización Galeuscat iniciou esta terza unha liña de traballo en común co PSOE, que "agarda estender a outras forzas políticas como PP e IU", para reformar a Lei Electoral no que se refire ao voto emigrante.
Tras a xuntanza mantida co secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, na sede deste partido en Madrid, os tres representantes de Galeuscat, Francisco Jorquera (BNG), Josune Ariztondo (PNV) e Carles Campuzano (CIU) explicaron os temas abordados: a reforma do Senado, a modificación da Lei Electoral no que respecta ao voto emigrante e a renovación dos membros do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Segundo subliñaron, a intención de Galeuscat é a de "implicar a outras forzas políticas" e estender este tipo de xuntanzas a outros partidos políticos como PP e IU.
Compromiso do PSOE
Francisco Jorquera fixo especial referencia ao voto emigrante. "Hai un compromiso do PSOE de iniciar desde xa o traballo en común", sinalou, e engadiu que no vindeiro outono terá lugar unha nova reunión.
O BNG fixo patente os seus arelos por que "esta reforma se materialice canto antes". "De non ser posíbel antes da fin da lexislatura, tería que ser ao comezo da seguinte; o que non sería xustificábel é que no próximo mandato non estivese aprobada", sinalou o senador nacionalista.
"Só nas xerais, e con circunscrición propia"
"O BNG é partidario de que os emigrantes só voten nas eleccións xerais e teñan circunscrición propia", manifestou Jorquera.
"O CERA no noso país xa representa o 12% sobre o censo total, e xa hai concellos onde significa unha porcentaxe do 50%", declarou, e engadiu que "se pode chegar á situación de se contabilizar 500.000 inscritos, co paradoxo de que Galiza poida ter máis votantes ca residentes".
O senador do BNG urxiu sobre a necesidade de rematar cun sistema que permite as manipulacións do voto e non ofrece garantías democráticas. "Por riba, son votos que non contabilizan á hora do reparto de escanos no Congreso", sentenciou.