Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A Xunta segue sen garantir a compatibilidade entre espazos naturais e parques eólicos

Verdegaia propón un novo modelo eólico para a sustentabilidade

A pesar de ser Galicia o país do mundo con maior intensidade de instalación de enerxía eólica (88 kW/Km2), o desenvolvemento desta enerxía renovable pouco contribuiu á súa sustentabilidade ambiental, social e económica. Ademais, ten sido unha causa de deterioración dalgúns espazos naturais. No documento “Enerxía eólica para a sustentabilidade”, a asociación ecoloxista Verdegaia propón un novo modelo eólico e, malia recoñecer algunhas melloras importantes, denuncia que a política eólica da Xunta segue marcada por unha visión produtivista e non garante o respecto a todos os espazos de maior interese natural.

Verdegaia - 19:42 23/04/2007
Tags:

O feito de que Galicia se convertese nunha potencia eólica, nin foi suficiente para que as centrais térmicas galegas diminuísen a súa produción sucia, nin abondou para que nosas emisións de gases que causan o cambio climático deixasen de medrar, pois aumentaron o 30 % entre 1990 e 2004. Sen a enerxía eólica tería sido peor, mais a despreocupación polo aforro e a eficiencia e o forte apoio ao carbón anularon a achega dos parques eólicos á loita contra o cambio climático. Alén diso, e perante a ausencia de restricións ambientais, 15 dos 59 espazos naturais da Rede Natura 2000 e outras áreas de valor ecolóxico resultaron afectados negativamente pola construción de parques eólicos.

Verdegaia propón un novo modelo éolico baseado en 4 eixos: impulsar unha política enerxética ecoloxicamente sustentable; mellorar a avaliación ambiental e definir un mapa completo de zonas de exclusión, suspendendo a tramitación dos parques eólicos até determinar cartograficamente as zonas a incluír nel; optimizar e repotenciar parques existentes e promover microparques; e desenvolver un programa para a eólica de baixa e moi baixa potencia, tanto para autoconsumo como para conexión á rede.

O Goberno bipartito está a mellorar a política eólica herdada do Goberno anterior, nefasta tanto desde o punto de vista ambiental como social. Neste senso, Verdegaia apoia medidas das Consellerías de Industria e de Medio Ambiente como a non autorización de novos parques en zonas da Rede Natura 2000 ou a fixación dunha porcentaxe mínima de participación pública do capital social dos parques. Porén, critica que a Xunta faga un esforzo claramente insuficiente en promover o aforro e a eficiencia –cando non defende medidas contrarias a elas- e continúe a apoiar a xeración de electricidade con carbón.

Verdegaia formulou alegacións á proposta de novo decreto de regulación da enerxía eólica presentado no mes pasado pola Consellería de Innovación e Industria. Entre outras cousas, Verdegaia propón que as zonas de exclusión por razóns ambientais non se limiten ás zonas Natura 2000, pois tamén hai áreas con elevado valor ecolóxico fóra da rede Natura 2000. Na decisión que vén de tomar a Xunta sobre a admisión de solicitudes de parques eólicos presentadas ao abeiro da convocatoria de 2006 rexeitáronse 4 proxectos e 7 aeroxeradores doutro proxecto por afectaren a zonas incluídas na prevista ampliación da Rede Natura 2000, o que constitúe un feito moi positivo, mais tamén se admitiron solicitudes que afectan a outras áreas de interese natural, como a Serra do Eixe (sureste de Ourense), un espazo vital para a águia real, en perigo de extinción en Galicia.

Tamén é negativo que a actual Xunta teña autorizado a construción de parques eólicos na Serra do Suído (a única da dorsal galega que estaba libre de parques) cuxa tramitación se iniciou baixo o goberno anterior, ou que a Consellería de Innovación e Industria teña recorrido unha sentenza xudicial contra un parque eólico construído no espazo da Rede Natura 2000 Monte Faro.


4,22/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: