O laboratorio francés designado pola axencia antidopaxe dos EUA atopou testosterona sintética nos ouriños do corredor.
Segundo informa o xornal deportivo galo ‘L’Equipe’, as análises complementarias realizadas sobre as sete mostras de Floyd Landis, tomadas durante o Tour de 2006 e clasificadas como negativas nun primeiro momento, revelan claramente, e repetidas veces, a presenza de rastros de testosterona sintética nos ouriños do norteamericano.
Estas novas análises foron realizados en presenza de dous expertos designados por Landis e de dous representantes da Axencia Estadounidense Antidopaxe. É precisamente este organismo o que xulgará o próximo 14 de maio a Landis, que se enfronta a unha suspensión de até dous anos.
De ser considerado finalmente culpábel de dopaxe, o ciclista será desposuído do seu título de gañador do Tour de 2006 en favor do galego Óscar Pereiro, segundo clasificado na proba.