Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cruce de declaracións no PSOE

Touriño e Blanco discrepan sobre a validez do voto emigrante

Xosé Blanco defendeu que no futuro estes non deberían participar nas eleccións autonómicas e municipais, mentres que o presidente cinguiuse á legalidade vixente.

Redacción - 18:02 20/04/2007
Blanco e Touriño na festa dos socialistas galegos do ano pasado

Blanco e Touriño na festa dos socialistas galegos do ano pasado

O presidente da Xunta, o socialista Emilio Pérez Touriño, manifestou este venres que as declaracións feitas polo secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, son froito dunha "reflexión persoal", e que os emigrantes "teñen dereito a voto" en todos os procesos electorais que se organizan no Estado.

Touriño respondía deste xeito ás palabras de Blanco quen, tamén este venres, na televisión pública española (TVE), propuxo que os residentes no estranxeiro non poidan participar nas eleccións autonómicas e municipais. Ademais, dixo que deberían ter unha circunscrición específica que lles permitise elixir os seus propios deputados.

Primos de Palas de Rei

Blanco xustificou a súa proposta ao se referirse á situación que se está a vivir nalgúns concellos galegos, en que hai máis electores fóra do Estado que no municipio, algo que tachou de "disparate". A modo de exemplo, dixo que el tiña uns primos que "nunca" acudiron á súa localidade natal, Palas de Rei (A Ulloa), mais que "poden votar e decidir". Neste contexto preguntouse "se iso é xusto, razoábel e honesto".

O presidente do Goberno admitiu que "moitos cidadáns hoxe se preguntan en voz alta o mesmo", aclarou que a "responsabilidade dos dirixentes políticos" pasa por "garantir os dereitos comprometidos na Constitución e nas leis".

Urxente reforma lexislativa

"Na actualidade, os emigrantes teñen dereito a voto, deben poder votar e facelo con liberdade e transparencia", apuntou, e proclamou que "dende o Goberno e o Parlamento queremos que se poidan exercer con plenas garantías".

Xa que logo, "como dirixente político" avogou por proceder "con urxencia" ás reformas lexislativas necesarias para regulamentar o voto en urna dos inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), co obxectivo de asegurarlles a participación "secreta e libre".

Proposta do BNG en Madrid

Por outra banda, a deputada do BNG no Congreso dos Deputados de Madrid, Olaia Fernández Davila, presentou unha moción na que urxe ao goberno español a modificar a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX), para que entre en vigor antes das vindeiras eleccións xerais.

Na súa iniciativa, o BNG pide que se reforme, principalmente, o voto emigrante para "asegurar a súa transparencia e limpeza", e garantir que os emigrantes poidan votar en urna. Ademais, reclama que, na designación do número de representantes, se teña en conta o "xeito proporcional" e a importancia numérica do censo de electores no exterior.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: