Touriño insiste en que "non se mira a cor política", e que mentres en Foz hai un "procedemento irregular", o resto son "infraccións".
O Goberno acordou este xoves a interposición dun total de once recursos contencioso administrativos contra a concesión de licenzas municipais nos concellos de Barreiros (Mariña Oriental), Fisterra (Fisterra) e Malpica (Bergantiños), se ben a Asesoría Xurídica segue adiante para determinar se outros municipios requiren unha medida similar, e ten xa "bastantes casos pendentes".
Así o anunciou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na conferencia de prensa posterior ao Consello, en que se ratificaron as resolucións ditadas pola Dirección Xeral. Confirmou, ademais, a existencia de informes en curso para determinar novos casos que, segundo avanzou, esixirán a "preparación do correspondente recurso".
O Executivo presentou oficialmente os contenciosos nas localidades populares de Barreiros e Fisterra e na socialista de Malpica, despois de que os concellos rexeitasen os requirimentos efectuados contra a concesión de diversas licenzas municipais, efectuados pola Consellería de Política Territorial.
Diferenzas co caso de Foz
Porén, preguntado polas diferenzas entre estes casos e o de Foz (Mariña Central) -onde o alcalde, o socialista Xosé María García Rivera, convalidou 40 licenzas para construír 1.350 vivendas, declaradas nulas por se aprobar días despois dun pleno en que se decretara a suspensión-, Touriño mantivo que mentres este caso mostra "irregularidades no procedemento formal" de concesión, o resto supoñen "infraccións" urbanísticas. "É moi diferente, non ten nada que ver", aseverou.
Con todo, aclarou que esta opinión "non quita ningunha importancia" aos defectos detectados en Foz, aínda que engadiu que outros, entre os que citou Vigo, Gondomar ou Ourense (os tres gobernados polo PP) "presentan incumprimentos de sentenzas de tribunais, que a actitude política debe avalar ou non".
"Promotor, e alcalde por horas"
No caso de Foz, subliñou que a Xunta "presentou un recurso e non avala a actuación", e advertiu de que "noutros casos non houbo o mesmo comportamento". "E logo non só hai infraccións urbanísticas, senón actuacións eticamente inadmisíbeis, como a de ser alcalde por horas e pola tarde promotor", censurou, e citou os casos dos rexedores populares de Salceda de Caselas e Arteixo.
Por iso, considerou que "meter todos os casos nun saco só serve ao balbordo, non vale de nada", posto que, na súa opinión, "cada circunstancia é cada circunstancia" e, en consecuencia, "cada unha merece unha actuación diferenciada". "Pero a Xunta fai o que ten que facer, sexa un alcalde dun partido ou doutro", garantiu.
Troco na testa do cartel
Neste senso, preguntado pola conveniencia de que o PSdeG optase por outro candidato en Foz, replicou que o Gabinete que preside "non mira cores, senón que actúa en función da legalidade e da salvagarda do interese xeral, para garantir os cidadáns que se actúa con independencia, transparencia e rigor".
Así, tras precisar que "non se trata de ser un Tribunal de Inquisición", explicou que mentres o alcalde focense cre emendar o defecto no procedemento, "a Xunta non, e por iso váiselle requirir que anule as concesións". "A Dirección Xeral de Urbanismo dirixirase a el, e se mantén a súa postura ampliaremos o contencioso contra esa decisión", concluíu.