Coincidindo co tempo adicado á recuperación da Memoria Histórica, o itinerario de La Primavera Republicana, Barcelona, 1931-1939 comeza cos compases da Marsellesa e coas palabras de Mercè Rodoreda: “encara recordo aquell aire tan fresc”, e remata coa derrota e co esgazador exilio.
Despois que pasaron setenta e seis anos da alegre primavera que alumou a proclamación da II República, faise esta mostra que percorre o sentir da cidade de Barcelona ao longo dos anos da República e tamén da Guerra Civil (Guerra Civil que nesta cidade formou parte do tempo republicano).
A exposición distribúe os intensos oito anos en sete ámbitos, e aínda propón máis un, do que logo se dará conta. A presentación da etapa republicana aposta por aproximar a vida cotiá dos anos trinta aos espectadores e por establecer vencellos entre o noso vivir e o pasado. Así, hai varias instalacións audio-visuais coas que se pretende que o visitante se atope rodeado do ambiente daqueles tempos. E cando non, simultanean fotos e gravacións da época con graffitis actuais.
No primeiro apartado, oída a Marsellesa e traspasada a porta que nos leva ao pasado, a situación pre-republicana resúmese en instantáneas murais (grises), mesturadas con graffitis actuais, coloristas. O resultado é sorprendente, interesante, visualmente efectivas. Seguen despois varios ámbitos adicados á vida da cidade até o ano 1936: as esperanzas da poboación, as novas escolas, as mulleres na rúa e nas actividades públicas, a vida nocturna do Paral·lel.... Desta parte do periplo republicano, destacar a colaboración dos artistas coas propostas e coa vida republicana: debuxos de Julio González, ilustracións de Miró para a revista “D'ACÍ I D'ALLÀ”, etc. E tamén a instalación, relacionada coa Escola del Mar, dunha gravación de mozos saltando dun trampolín ao mar. Para que a proximidade ao vídeo de hai setenta anos sexa total, as imaxes en gris acompáñanse de voces e de risos de rapaces, e tamén con espellos en todas as paredes. O resultado: acabamos na area da praia da Barceloneta, mollados e contaxiados do contento xuvenil. Pola súa parte, as mulleres atopámolas en actividades impensables anos antes, e incluso curiosas para este século XXI: participando en carreiras de motos (1934) ou nun concurso de pesca con cana (eles vestidos e con pucho, elas en bañador).
La República contra el Feixisme, o espazo adicado á Guerra Civil, acolle aos visitantes cunha transformación: un lapis de labios, tricolor, vai mudando –dentro de varias viñetas circulares- a cor e a forma, para rematar nunha bala de fusil. Tamén se poden ver carteis do gran ilustrador Carlos Fonseré (Llibertat!, 1936), como non o No Pasarán, fotos de milicianas, no fronte, despedíndose da familia, e fábricas socializadas polas traballadoras e traballadores. Do ano 1937 hai dous deseños de Picasso (os dous co título Soño e mentira de Franco), nos que van emerxendo formas e figuras que coñecemos de telas visto no Guernica: o cabalo, o boi, a nai, etc.
Un corredor longo, escuro, con fotografías de medida humana, mesturadas con espellos igual de altos, é o lugar por onde exiliar. As faces de quen pasa unha fronteira abandonando a súa terra. Ao percorrer ese espazo, ti vas sendo un máis dos que foxen da barbarie, da morte.
Para continuar a mostra máis aló das salas da Praça del Rei barcelonesa, proponse outro espazo de reflexión e participación a través deste medio, internet. Así é. O apartado “Conecta't” brinda a oportunidade de opinar, deixar testemuñas, sensacións, impresións sobre a exposición e sobre aquel tempo republicano.
Aínda hai máis. Os días 13, 14 e 15 de abril, as visitas á exposición e as actividades programadas son gratuítas: cine, talleres, etc. E á noite do 14 de abril hai na Praça del Rei unha Revetlla Republicana aberta á cidadanía!
A exposición, no seu conxunto, constitúe unha instalación lixeira, próxima e de fácil lectura. Un xeito actual de asomarnos a un pasado democrático que rematou traxicamente. Dentro de todo, quizais teña dous aspectos mellorables. O primeiro fai referencia ao contido: sabe a pouco. Sen pretender que La Primavera Republicana sexa unha escolma longa e exhaustiva da vida e da historia da II República, nas salas do Museu d'Història de la Ciutat podíase acoller máis información para ilustrar a diversidade dos quefaceres das persoas dos anos trinta. Material non falta. E, por outra banda, reduce o espazo e as temáticas á cidade, só a cidade de Barcelona. Esta circunstancia da mostra pode xustificarse por estar onde está, e por ser o Museu d'Història de la Ciutat a entidade que a deseña e a elabora. Pero, habendo tan poucas recreacións sobre este pasado inmediato (pasado que aínda é discutido e desprezado por moitos), o que se pode ver e oír sabe a pouco.
Con todo, para quen tivo a sorte e o pracer de coñecer a Don José Maldonado, o último presidente da II República no exilio, é gratificante pasear por espazos onde se fai o esforzo de reproducir as arelas e os froitos daquela primavera que logo coutaron. Setenta e seis anos despois, e no sentir do poeta Antonio Machado, outro milagre da primavera é posible.
EXPOSICIÓN: La Primavera Republicana
Horario: de martes a sábados, de 10 a 20 h, domingo de 10 a 15 h.
Até o 20 de maio
LA FESTA: días 13, 14 e 15 de abril portas abertas á exposición e ás actividades programadas eses tres días (cine, talleres, festa...)
Museu d'Història de la Ciutat
Plaça del Rei, Plaça del Rei, s/n | Barcelona
Tel. 93 256 21 00