Uns sesenta oficiais armados irromperon no lugar pasadas ás 3.00 horas, logo de que as investigacións determinasen que no centro se vendía droga.
St Agnes Place, o templo rastafari do barrio de Kennington, no sur de Londres, considerado o máis importante de todo o Reino Unido, foi obxecto dunha redada policial na madrugada da corta á quinta feira. A brigada de narcóticos, logo de comprobar que había indicios de criminalidade, decidiu entrar en acción.
Responsábeis policiais manifestaron que o centro xa non era usado como templo, mais si como mercado de drogas. Ao redor de 600 persoas acudían diariamente ao edificio, a maioría a mercar estupefacientes, sinalaron. Está previsto que o rexistro policial na procura de drogas e armas dure dous días.
A casa okupa máis antiga do Reino Unido
"É o cuartel xeral da comunidade rastafari no Reino Unido, e estamos orgullosos diso", sinalou Martin Bridger, responsábel do distrito, "mais membros do templo acudiron a mi para se queixar de que estaba a ser tomado por traficantes".
Saint Agnes Place está composto de catro vivendas coa bandeira rastafari ondeando no seu tellado. O lugar, considerado a casa okupa máis antiga do país, era frecuentemente visitado nos anos 70 polo mítico Bob Marley e, nos últimos tempos foi motivo de debate por se debería de ser derrubado.