Esixen a súa recolocación ou xubilacións anticipadas como os seus compañeiros de Endesa e de Fenosa.
Central térmica de Meirama, en Cerceda
Case un cento de traballadores das minas de Meirama e das Pontes mobilizáronse o martes á tarde cortando a estrada N-550 ao seu paso por Mesón do Vento, no concello de Ordes. Os manifestantes, contratados por empresas auxiliares, piden unha saída laboral ao peche anunciado dos dous xacementos de lignito.
O acto de protesta estivo convocado polo sindicato CIG, que asegurou que máis de 85 empregados participaron no corte de tráfico, que durou media hora. A folga iniciouse onte para esixir unha solución á clausura das minas das Pontes e de Meirama, prevista para fin de ano. En total, preto de 500 traballadores de empresas auxiliares quedarán na rúa se o Goberno central non toma ningunha medida compensatoria.
Como solución, piden ter dereito a recolocacións ou xubilacións anticipadas como os seus compañeiros contratados por Endesa e Unión Fenosa. O mércores ao mediodía volveranse manifestar polo centro da Coruña.