O obxectivo é acadar un 20% do consumo a base de fontes limpas no ano 2020.
Un momento da xuntanza en Monte Pío
O Goberno pretende reducir a dependencia enerxética do exterior potenciando o desenvolvemento das fontes renovábeis. Prevese un investimento total de 1.700 millóns de euros no que resta de lexislatura.
O presidente da Xunta anunciou o compromiso de que Galiza siga o camiño das enerxías renovábeis para acadar o obxectivo de que no ano 2020 acaden a quinta parte do consumo. Para iso, Touriño dixo que a política enerxética se deseñará en clave de país, reducindo a dependencia do exterior, limitando o impacto ambiental e contribuíndo ao desenvolvemento económico e social do pais.
O xefe do Executivo salientou o feito de que os recursos de Galiza abren un amplo abano de posibilidades de aproveitamento de fontes renovábeis. Por medio da denominada Estratexia Energos 2006-2009 aspírase a que o país teña ao remate do cuadrienio 1.500 megavatios máis de enerxía eólica, 14 de fotovoltaica e 125 de biomasa, con 30.000 metros cadrados de paneis solares e 200.000 toneladas de biocombustíbeis anuais.
O anuncio fíxose no decurso dunha xuntanza en Monte Pío co grupo Gaelsa, formado por empresarios da terra e que aposta polo desenvolvemento de enerxías limpas.