Os líderes da ETA consideran imprescindíbel que se garanta que a esquerda abertzale participará nas próximas eleccións municipais.
"O proceso está neste momento bloqueado porque entre os partidos non se chegou a un acordo político", respóndelle aos xornalistas de Gara os membros da ETA entrevistados. Segundo a ETA, a responsabilidade fundamental dos obstáculos ao acordo é de PSOE e PNV.
Os líderes da ETA din que o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, "non actuou con madurez diante do xesto da ETA". Segundo esixen, as chaves do proceso son a "territorialidade" e o "dereito a decidir".
Ao tempo, sinalan como paso clave a participación da esquerda abertzale nos vindeiros comicios municipais. "Non poden imaxinarse unhas eleccións sen a esquerda abertzale", advirten, "iso expresaría o fracaso do proceso".
A ETA anuncia estar disposta a "asumir compromisos firmes nun escenario de ausencia de violencia se desaparecen os ataques contra Euskal Herria". É nesa liña que se reafirman no feito público durante o anuncio da tregua o pasado 24 de marzo. Os novos compromisos incluirían "mesmo a desactivación da opción de respostas puntuais nunha situación de cesamento do fogo". "Que ninguén se engane, o noso compromiso é cun proceso que dea unha verdadeira saída democrática ao conflito", subliñan con todo.