Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
REDE NATURA 2000 AMEAZADA

Corrubedo e Valdoviño: intolerábel desleixo polo patrimonio natural

A Fiscalía especial de urbanismo ven de decretar o arquivo das dilixencias penais abertas pola denuncia de ADEGA de dúas construccións ilegais na Rede Natura: unha urbanización en Valdoviño (LIC Costa Ártabra) e dúas construccións dentro do Parque natural de Corrubedo. Sorprendentemente, e segundo referíu o fiscal, estas construccións contaban con todos os permisos e informes favorábeis de medio ambiente, patrimonio, costas... ¿É así como se preserva o noso patrimonio natural e cultural? Quenes son os responsábeis desta desfeita?

ADEGA - 18:42 02/04/2007

A urbanización de Valdoviño, alén de desenvolverse en terreos incluidos no LIC Costa Ártabra con hábitats prioritarios protexidos pola Directiva 92/43 CE, está afectada pola Lei de Costas e sitúase a poucos metros do Castro da Frouxeira. Sorprendentemente, as investigacións da fiscalía revelan que as medicións fixéronse con respeito a unha suposta localización errónea do castro, situado no mar!!!. Como consecuencia, a D. X. de Patrimonio emite un informe favorábel. De ahí que o perímetro de protección patrimonial, calculado a partires dunhas coordenadas erradas, permitira obrar xusto pegado á muralla do monumento. Pola súa banda, e continuando cos despropósitos, Costas e Medio Ambiente tamén informan favorabelmente, malia a afectar á zona de servidume de protección e tratarse dun LIC con hábitats prioritarios. Como pode ser posíbel violar impunemente as leis ambientais e o que é máis grave, que sexa a propia administración a que perpetre estes atentados?

O caso dos chalés de Corrubedo tamén é rocambolesco: as obras escomezaron en agosto de 2006 grazas a unha licenza do concello que foi informada favorábelmente pola Delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente en febreiro de 2005. As casas sitúanse dentro do Parque Natural de Corrubedo, nas proximidades da Lagoa de Vixán, afectando á conservación dun importante número de hábitats, mesmo prioritarios (*) (Código Anexo I da Directiva 92/43/CEE 1150*, 4030, 2150*, 6420, 6410, 6430, 6510, 8230), xunto con importantes poboacións de flora e fauna silvestre estritamente protexida. Como é posíbel que, malia ás estritas cautelas ambientais, Medio Ambiente considerara compatíbel esta obra? (mesmo recomendan ao promotor utilizar materiais naturais e facer un peche verde). Con todo, entendemos que tanto a licenza municipal como a autorización de Medio Ambiente seguen sendo nulas de pleno dereito, polo que continuaremos reclamando pola vía administrativa a reparación destes despropósitos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: