Arredor de vinte de cada cen votantes da provincia de Ourense viven fóra de Galiza, segundo as cifras do Censo Electoral de Residentes Ausentes.
De todas as cidades galegas, Ourense é tamén a que, cara ás eleccións municipais, maior número de votantes ten na emigración: un 12,6% do total de 87.280 electores, menor en todo caso que a porcentaxe do conxunto da provincia, onde un de cada cinco está fóra de Galiza. O Censo Electoral de Residentes Ausentes indica que, nas cidades, a menor porcentaxe de emigrantes censados está en Ferrol, onde queda nun 3,5%.
En Pontevedra hai un 11% máis de emigrantes rexistrados no censo respecto ás cifras que se atopaban en 2003. O total de pontevedreses que viven no exterior e que votarán nestes comicios, chega ao 12%. En Vigo esa porcentaxe queda na metade, un 5,8% de votantes no exterior, malia que a cifra aumentou un 10,8% en catro anos.
Destaca especialmente o incremento de votantes da emigración nas listas do censo de Santiago de Compostela, até un 18,8% máis ca en 2003. O incremento chega en Lugo a un 17,4%, chimpa na Coruña e Ferrol a un 14%.