Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Teherán, no punto de mira dos Estados Unidos, Reino Unido e Israel

A televisión iraniana emite as “confesións” dun dos 15 militares detidos

A canle Al Alam emitiu este venres “imaxes exclusivas das confesións” dun dos mariños apresados por Irán. 

Redacción - 13:30 30/03/2007
O mariño no momento da súa declaración

O mariño no momento da súa declaración

Nas imaxes, o soldado británico Nathan Tohmas Sommers recoñece que entraron en augas da república islámica “sen permiso e fomos detidos polos gardacostas iranianos”, ademais di que “querería presentalle escusas ao pobo iraniano”.

Pola súa parte, o goberno británico cualificou de “escandalosa” e de “propaganda” a difusión deste vídeo xa que consideran que Irán está a “utilizar o noso persoal militar con fines propagandísticos”.

Mentres, o ministro de Exteriores de Irán, Manocher Mottaki, asegurou que Estados Unidos non se “atreverá” a atacar o seu país xa que “non está en condicións para implicarse nunha nova crise”.

Segundo recolle a axencia ISNA, Mottaki dubida dunha hipotética invasión por mor da crise interna que está a sufrir o país norteamericano. Nesta liña, subliña a lexitimidade de Irán para desenvolver a súa investigación nuclear civil, dentro do marco que estabelece o Tratado de Non Proliferación nuclear.

En referencia a crise dos soldados británicos detidos, explica que o Reino Unido “debe admitir o seu erro como primeiro paso para a súa liberación”.

Olmert cre que só conta cos EUA para facer fronte ao goberno de Teherán

Pola súa parte, o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, amosou este venres nunha entrevista en The Jerusalem Post o seu convencemento de que só conta cos Estados Unidos para frear a Irán. Segundo Olmert, “non teño a ninguén máis” e engade que por iso ten “unha enorme importancia” o “éxito” da súa misión en Iraq.

Na entrevista asegura que non lle vai dar consellos aos Estados Unidos “sobre a retirada das tropas de Iraq” porque, “quen vai estar alí para pelexar por Israel, para protexer os intereses de Israel ante Irán? Quen?”.

O xornal Haaretz tamén publica hoxe unha entrevista co primeiro ministro. Nun ton máis conciliador Olmert anuncia que “nos próximos cinco anos é posíbel chegar a un acordo de paz global cos Estados árabes e os palestinos”. Nesta liña, o mandatario israelí asegura que está “preparado para manter discusións e escoitar a Arabia Saudita sobre o seu enfoque e expoñerlles o noso”.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: