A autonomía dos curdos ao norte de Iraq é vista con desconfianza por Turquía, que podería preparar unha operación na zona.
Á belixerancia cara ás reivindicacións dos curdos que Turquía mantén dentro das súas propias fronteiras, coa forte represión sobre a comunidade curda, engádese agora o temor do goberno de Ankara polo estabelecemento da rexión autónoma curda ao norte de Iraq.
A situación fronteiriza é vista agora como un carreiro de posíbel movemento das guerrillas curdas, que Turquía considera que se están rearmando para relanzar a súa actividade no sur do país. Os turcos temen que o poder dos curdos iraquís, asentados sobre unha rexión moi rica en petróleo, lle dea azos aos curdos da beira turca.
A situación é vista con preocupación desde o goberno estadounidense, que teme unha intervención militar turca na zona controlada polos curdos en Iraq. Segundo explica este luns o diario The Guardian, os EUA temen que de producirse ese estremo aparece un escenario aínda máis "desastroso" que o actual, contribuíndo á desestabilización da xa débil situación de Iraq.
O "soño" do estado curdo
Por outra parte, o presidente da rexión autónoma curda en Iraq, Masud Barzani, destacou esta semana as oportunidades para a creación dun estado independente curdo. "É un soño lexítimo e que se fará realidade algún día", dixo nunha entrevista concedida a Al Hayat, diario árabe editado no Reino Unido.