Julián Naranjo dimitiu este mércores como adestrador do Azkar Lugo "por motivos deportivos", tan só uns días despois do fracaso na Copa de España, que disputaban como locais.
O até o de agora técnico do Azkar Lugo, Julián Naranjo, presentou a dimisión irrevocábel do seu cargo no club lucense tras o mal papel desempeñado polo equipo na Copa de España.
"Non estivemos á altura; o 80% do traballo da tempada estaba orientado a esta competición, e o papel era fácil xa que dende a directiva tan só se nos esixía pasar a primeira ronda", sinalou na súa comparecencia ante os medios.
Acompañado polo presidente, Xosé Luís Iglesias, Naranjo afirmou que "posto que son o máximo responsábel na parcela deportiva, coido que era xusto e honrado tomar esta decisión".
Apoio do presidente
O técnico catalán asegurou que contara "en todo momento" co apoio do presidente, quen lle animou a permanecer no cargo. "Mais quedar eliminado na Copa ás primeiras de cambio pareceume un pau bastante forte e o que fixen coido que é o que debía", engadiu.
Naranjo comunicou a decisión aos xogadores esta mañá antes do adestramento e agradeceulle a Marcelo o seu esforzo por chegar á Copa e axudarlles no posíbel, malia non estar "nas mellores condicións físicas".
Pola súa banda, Iglesias anunciou este mesmo mércores pola tarde podería quedar pechada a contratación dun novo técnico.