O dirixente abertzale non se presentou á vista oral para ser xulgado por "enaltecemento de terrorismo", debido aos cortes de tráfico producidos polo temporal de neve.
A Audiencia Nacional española ordenou a inmediata detención e traslado pola forza a Madrid de Arnaldo Otegi, para ser xulgado ás 18.00 horas deste mércores. O dirixente abertzale regresara ao seu domicilio en Elgoibar (Guipuzcoa), logo de non se poder trasladar por culpa do temporal de neve.
A vista oral fixarase para as 10:30 horas, mais Arnaldo Otegi non puido chegar a tempo, debido a que o temporal de neve que afecta ao norte da Península Ibérica provocou complicacións no tráfico rodado na N-I.
O tribunal acordou fixar unha nova cita para as 16:30, e enviou á Garda Civil para certificar que Otegi estaba nun atasco. Unha vez constatada a volta á casa de Otegi, a Audiencia Nacional ordenou "a inmediata detención e traslado pola forza pública" do dirixente abertzale a Madrid, para ser xulgado ás 18:00 horas.
"Incomparecencia inxustificada"
A Sección Cuarta do Penal afirma no seu auto que adoptou esa decisión "ante a incomparecencia inxustificada do acusado" e ao non constar "oficialmente a imposibilidade" de que Otegi se poida presentar á vista.
Segundo o tribunal, "non existe ningún punto pechado para o tráfico rodado, fóra dalgún tramo comarcal para os vehículos pesados dende Burgos até Madrid". Xa que logo, ordenoulle á Garda Civil que arrestase a Arnaldo Otegi e o trasladase á capital española.
Ademais, no mesmo auto o tribunal comunícalle á súa avogada, Jone Goirizelaia, que na vista deberá comparecer coas testemuñas propostas por esta, tamén atrapadas pola neve. Trátase dos dirixentes de Batasuna Joseba Permach e Joseba Alvarez, o secretario xeral de LAB, Rafa Díez, e os pais de Olaia Castresana.
Precisamente, Otegi vai ser xulgado acusado dun delito de "enaltecemento de terrorismo" pola súa participación nun acto en lembranza desta última, membro finado da ETA.