A Dirección Xeral para o Deporte iniciou os trámites para apartar do seu posto ao presidente e a outros catro directivos, mentres non se resolva o procedemento penal aberto contra eles.
A Dirección Xeral para o Deporte comunicoulle por burofax na mañá do martes a súa proposta de suspensión cautelar dos seus cargos a cinco membros da Federación Galega de Fútbol, logo da resolución ditada polo Comité Galego de Xustiza Deportiva, que acredita indicios de cometeren infraccións "moi graves".
Trátase do presidente, Xulio Meana, o secretario, Ramón de Llano, o vicesecretario, Benxamín Amido, o tesoureiro, Luís Caridad, e presidente do Comité Galego de Adestradores, Fernando Blanco Padre. Estes dispoñen dun prazo de tres días para presentaren posíbeis alegacións.
"Evitarlle prexuízos á Federación"
O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, declarou que "a finalidade da suspensión é a de garantir, con carácter urxente, o efectivo cumprimento das funcións atribuídas á Federación Galega de Fútbol, e evitar os graves prexuízos que tería para esta a permanencia nas súas funcións de persoas inmersas nun procedemento penal aberto pola Fiscalía, así como nun procedemento disciplinario".
O 9 de marzo, o Comité Galego de Xustiza Deportiva decidiu trasladar ao Ministerio Fiscal a denuncia da Asociación Galega de Clubs de Fútbol contra estes cinco cargos. Consideraba que existían indicios serios de delitos (malversación de fondos públicos e falsidade documental, entre outros).
Nestes momentos, o caso está en mans da Fiscalía, que deberá determinar se hai ou non sanción penal. Ao remate deste proceso, regresará ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, que estudará se existe sanción administrativa no eido deportivo.