Por primeira vez na súa historia, o Partido Socialdemócrata de Suecia elixiu unha muller como líder do partido. No congreso extraordinario celebrado este 18 de marzo en Estocolmo, Mona Sahlin foi escollida para substituír a Göran Persson.
Mona Sahlin
Persson anunciou a súa retirada logo dunha década ao fronte do goberno sueco, logo da súa derrota fronte á coalición de centro-dereita nas eleccións lexislativas do pasado setembro. O partido socialista sueco (Socialdemokratiska Arbetarpartiet)aprobou por unanimidade a candidatura de Sahlin, que xa fora proposta como candidata única polo Comité electoral de pasado 18 de xaneiro. Sahlin advertiu da necesidade de introducir reformas no partido para poder recuperar o poder nos próximos comicios, previstos para 2010. Entre os seus primeiros obxectivos está recuperar a cooperación cos partidos de esquerda e os verdes, socios nos anteriores Gobernos de Persson.
Sahlin xa acariñou ese posto en 1995, cando era a protexida do primeiro ministro Ingvar Carlsson, pero as súas présas por proclamarse candidata e un caso de irregularidades económicas provocaron a súa caída. Foi a deputada máis nova na historia do Parlamento sueco en 1982, con 25 anos. Foi ademais ministra de Emprego do 90 ao 91 e do 98 ao 2002; viceprimeira ministra do 94 ao 95; ministra de Igualdade de Xénero nese mesmo período, ministra de Integración do 2000 ao 2002), ministra de Democracia e Integración no período seguinte, e de Democracia, Integración e Igualdade de Xénero do 2003 ao 2004, de Medio Ambiente do 2004 ao 2005 e de Desenvolvemento Sustentábel do 2005 ao 2006. Apartouse da loita polo liderado do partido no 95, polo chamado 'Caso Toblerone'. Logo de gastar unhas 2000 coroas suecas (210 €) dunha tarxeta de crédito oficial para fins privados (cueiros, tabaco e chocolate) retirouse durante un tempo, até que voltou, na carteira de Industria, no 98.