Nesta nova era fortalecerase a organización e a súa presenza sobre todo nas cidades e comarcas.
Os Comités Abertos de Estudantes celebraron este sábado en Vigo a súa IX Asemblea Nacional, cinco anos despois da súa última xuntanza. Logo de varios anos sen ningún tipo de organismo de dirección a nivel nacional, os seus militantes acordaron que “xa era hora de volver a dotarnos dunha nova estrutura firme e consolidada para erguer a nosa organización e traballar con todas as nosas forzas e enerxías polo novo ensino”.
A organización acordou unha serie de obxectivos non moi afastados dos marcados en anteriores asembleas. Na nova etapa que comezou este sábado loitarase por fortalecer os CAE sobre todo nas cidades e comarcas, “xa que o noso obxectivo será traballar arreo nas localidades, eixo fundamental para o bo desenvolvemento e achegamento dos estudantes aos Comités”.
Procurarase tamén a recuperación dos comités de centro, das publicacións como o CAE-Informa así como a nova edición de material informativo que “nos axude a darnos a coñecer, sumando así a máxima xente posíbel para loitar por un ensino adecuado ás nosas demandas”.
Deste xeito, comeza unha nova era con “moita forza e ilusión e con esperanzas de non repetir vellos patróns grazas a unha total renovación da organización e experiencia adquirida de erros anteriores”.