A deputada Marisol Soneira acusa ao PP de enganar os emigrantes pedíndolles fotocopia do pasaporte e a sinatura dun impreso en branco.
Os socialistas aseguran que os populares, co presidente da Deputación de Pontevedra á cabeza, Rafael Louzán, enganaron aos emigrantes uruguaios "polo método de invitalos a un acto institucional, esixíndolles a cambio unha fotocopia do pasaporte e a sinatura dun impreso en branco para demandar da Oficina Provincial de Pontevedra a documentación para poder exercer o voto nas próximas eleccións municipais". Dende o PSdG tildan de "mafiosa" a actitude.
Soneira non ten dúbida de que estamos diante dunha "usurpación dun dereito individual e intransferíbel que foi feita con engano e sen comunicación previa ás persoas que, de boa fe, acudiron a retirar unha invitación para un acto que crían que era institucional". Segundo os socialistas, o propio deputado Castelao Bragaña recoñeceu este martes o feito. O parlamentario conservador explicou que só se buscaba "asesorar e axudarlle aos emigrantes a votar, xa que o voto rogado é moi complexo".
O PSdG vai denunciar todos os feitos diante da Xunta Electoral, para que se tomen as medidas oportunas. Como proba do sucedido pensan aportar a carta de invitación ao acto de Louzán, a declaración xurada dun cidadán pontevedrés que se viu sometido a este engano e as palabras de Castelao Bragaña no Parlamento.