As perspectivas de voto nas vindeiras eleccións municipais danlles esperanzas ao PSdeG e mais ao BNG de acadaren o goberno dos dous organismos provinciais agora en mans do PP.
Os socialistas confían en encabezar os gobernos lucense e pontevedrés, ademais do da Coruña que xa ostentan dende hai catro anos, mentres que os nacionalistas aspiran a presidir Pontevedra. Pola súa banda, o Partido Popular espera recuperar a presidencia da Coruña e manter a das outras tres provincias.
Segundo datos que manexan o PSdeG e o BNG, os populares poderían perder a maioría absoluta en Lugo e Pontevedra, con descensos de até catro deputados provinciais no primeiro caso e de tres no segundo. O secretario executivo de política municipal dos socialistas, Manuel Lagares, declarou a Europa Press que o seu partido aspira a presidir as dúas deputacións, mentres que o seu homólogo nacionalista, Roberto Mera, confía en que sexa o Bloque o que goberne Pontevedra. A presidencia desta última provincia dependerá do número de votos final, xa que as previsións do BNG son de que os dous partidos empaten a 7 escanos.
Porén, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, tachou de “excesivamente optimistas” as previsións dos socialistas e dos nacionalistas, e mesmo asegurou que os populares confían en aumentar en número de sufraxios. O Partido Popular non descarta recuperar a deputación coruñesa, no caso de que obteña un escano do partido xudicial de Ferrol á custa do BNG.
No único en que coinciden as tres formacións é en que Ourense seguirá a ter unha presidencia do PPdeG. A pesar do posíbel aumento dos grupos que están actualmente na oposición, a ampla vantaxe do PP (16 escanos, fronte a 6 dos socialistas e 3 dos nacionalistas), fará moi difícil un cambio de cor política na deputación ourensá.