O rexedor de Arteixo recoñece que ten intereses inmobiliarios no municipio, algo que tamén lle ocorre ao candidato popular de Ourense.
Enrique Nóvoa, alcalde de Ourense / Foto: ourense.es
A última polémica saltaba hai poucas semanas no municipio coruñés de Arteixo, cando se coñecía que o alcalde, Manuel Pose, posuía promotoras inmobiliarias que traballaban na propia localidade. A treboada política obrigou a Pose, forzado pola oposición, a celebrar un pleno extraordinario o pasado xoves. No decurso do mesmo, o rexedor recoñeceu que “non é ético” darlle licenzas ás súas propias empresas, aínda que reitera que non fixo nada ilegal.
Días antes, o propio presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, tivo que saír en defensa de Pose. Feijoo sinalou que o alcalde xa era empresario antes de acceder ao goberno arteixán. Lonxe de calmar as cousas, os socialistas esixiron á fiscalía que investigue se con este comportamento puido ter infrinxido a legalidade.
En Ourense, a edición local de La Voz de Galicia daba a coñecer que o alcalde e candidato do PP, Enrique Nóvoa, mantén participacións accionariais nunha construtora. Nóvoa creou a empresa en 1999, cando xa era concelleiro, e figura na mesma como administrador. Na información destácase que o candidato dende 1988 ten parte de propiedade na promotora Poensa. Esta empresa estivo inactiva até 1993. Dez anos despois, sendo Nóvoa concelleiro de Urbanismo, Poensa recobrou a actividade e construíu un edificio de 18 vivendas na cidade de Ourense.
Outro dos casos polémicos é o de Telmo Martín, ex alcalde de Sanxenxo, e agora candidato conservador na capital do Lérez. Martín, coñecido pola súa actividade no mundo da construción, sempre defendeu a súa honradez e ponse como exemplo de saber compaxinar política e cemento. Porén, numerosas asociacións veciñais teñen denunciado publicamente operacións especulativas.