O informe desfavorábel de Icomos-España á construción dun auditorio no cuartel de San Fernando fixo variar a postura do Concello de Lugo. O alcalde Xosé López Orozco recoñece que se o proxecto afecta á muralla, tal e como avisa este órgano consultivo da Unesco, haberá que buscar novos solares para o auditorio.
O propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, instou esta semana ao Concello de Lugo a cambiar de actitude. O municipio lugués acusou en xaneiro á Consellería de Cultura de "bombardear" o proxecto do auditorio. O departamento que dirixe Ánxela Bugallo emitiu un informe negativo xa que estimaba que as obras no cuartel de San Fernando podían afectar á muralla.
Hai escasos días coñecíase un informe de Icomos-España. Esta asociación que colabora coa Unesco, dáballe a razón a Cultura, e deixaba moi claro que a construción dun auditorio na zona elixida era incompatíbel coa protección da muralla. Icomos incluso sinalaba que, de levarse adiante as obras, corría risco a catalogación da muralla como Patrimonio da Humanidade.