Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUINTANA CHAMA A CAMBIAR OS ENTES PROVINCIAIS

A reformulación das deputacións entra en precampaña

"Non imos permitir cambiar un Cacharro por outro", afirmou o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG en referencia ao futuro da Deputación de Lugo. No seu discurso, Anxo Quintana foi aínda máis explícito: "As deputacións sobran". Quintana facía estas declaracións durante a presentación de Xosé Anxo Lage como candidato nacionalista á alcaldía de Lugo.

Redacción - 10:57 05/03/2007
Quintana en Lugo

Quintana en Lugo

"O debate é que as deputacións sobran e que se necesita unha nova organización de país", afirmou Anxo Quintana na súa intervención. O líder do Bloque criticaba así en especial o modelo de deputación xestionada estes anos polo popular Francisco Cacharro.

Na súa opinión é necesario insistir na necesidade de "reformular" o funcionamento das deputacións. Ao fío, falou tamén dun novo modelo de financiamento para os concellos como clave para unha mellor xestión do local, desafío que na súa opinión é un dos argumentos polos que Galiza "precisa un novo Estatuto".

O BNG agarda a volta da coalición de goberno a Lugo
O nacionalismo reivindicou esta fin de semana en Lugo o traxecto de goberno compartido entre 1999 e 2003 xunto aos socialistas e criticou a orientación tomada polo Concello desde a consecución hai catro anos da maioría absoluta por Xosé López Orozco.

Na súa intervención, o candidato do Bloque, Xosé Anxo Laxe, reparou en especial no Plan Xeral de Ordenación Municipal, que cualificou de "especulativo" na súa redacción actual, e dixo agardar que o BNG sexa "garantía de que se modifique". "Lugo necesita un plan xeral para os veciños, e non contra os veciños", comentou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: