O Goberno central está a preparar unha norma que fará obrigatoria unha porcentaxe de consumo de biocombustíbeis. Segundo o informe presentado polo Ministerio de Medio Ambiente, se se substitúe o dez por cento dos carburantes de automoción por combustíbeis de orixe vexetal, evitarase a emisión de case dez millóns de toneladas de dióxido de carbono á atmosfera, co que se contribuiría a cumprir cos obxectivos do protocolo de Quioto.
Fume de chemineas
O estudo, denominado Análise do ciclo de vida, desenvolveuse durante tres anos e compara os beneficios ambientais dos combustíbeis alternativos fronte aos convencionais. Segundo o informe, a produción e o uso de bioetanol e biodiésel contribuirán a reducir as emisións de CO2 e de enerxía fósil. De todos os xeitos, recoñece que aínda hai que mellorar os procesos de obtención da materia prima.
Os beneficios para o ambiente son meirandes na medida en que aumenta a porcentaxe de biocombustíbel nas mesturas analizadas. Se se cumpre a proposta da Comisión Europea de substituír o 10% dos carburantes por produtos de orixe vexetal, evitaríase a emisión de 9,7 millóns de toneladas de CO2 no Estado no ano 2020. O estudo determina que unha política que fomente o uso de biocarburantes pode contribuír a acadar os obxectivos de redución de gases invernadoiro fixados no protocolo de Quioto.