Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
DESACORDO CARA ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

A lista "oficial" do BNG compostelán non pasa a peneira da Asemblea local

O Consello Local do Bloque en Santiago deberá debater outra vez a proposta de nomes para os próximos comicios municipais. Malia que anteriormente xa recibira a aprobación da executiva da formación, na noite do mércores, a asemblea local negoulle a beizón á lista presentada, con 107 votos en contra fronte a 97 a favor.

Redacción - 09:00 01/03/2007
Néstor Rego

Néstor Rego

O actual concelleiro compostelán de Deportes, o nacionalista Manuel Portas, amosará nos últimos días o seu desacordo coa relegación na lista electoral do BNG para as próximas municipais. O Bloque conseguira catro asentos no Concello en 2003, un menos ca en 1999. Desta volta, e diante do ofrecemento dun posto máis baixo, Portas anunciou que prefería non estar na lista.

Así, e aínda que o conflito semellaba estar resolto internamente, semellou ser decisivo para que a recente asemblea local escenificase a unión de voces críticas á dirección actual. Aínda sen aparecer unha lista alternativa, a asemblea votou en contra da proposta, polo que o proceso deberá volver comezar e recompoñérense os acordos internos.
Trátase dun escenario inesperado para a dirección do BNG compostelán, que a última hora da tarde do mércores e antes de que a militancia se pronunciara, xa avanzara a candidatura completa presentada ao Consello Local, destacando a aparición de catro mulleres entre os seis primeiros postos.

Futuro incerto
O voceiro municipal, actual concelleiro de Cultura e candidato á alcaldía, Néstor Rego, explicou este xoves que abre unha "reflexión persoal" fronte ao acontecido e destacou que en todo caso o resultado é exemplo da capacidade de "decisión democrática" da que gozan os afiliados do BNG.

Á saída da asemblea movíase o ruxerruxe da posíbel dimisión de Rego, estremo que de producirse abriría unha crise importante na formación ás portas das eleccións do próximo mes de maio. A clave para resolver o conflito estaría no terceiro posto da lista do BNG, que a candidatura oficial reservaba para Socorro García Conde. Unha opción posíbel sería a volta de Manuel Portas, a ese lugar. Porén, na votación do mércores, ao grupo de Portas, Esquerda Nacionalista, sumáronse para tombar a lista oficial os votos doutros colectivos, como son o Encontro Irmandiño, liderado por Xosé Manuel Beiras, e o Movemento Pola Base. Desde este último poderían propoñer outros nomes para esa posición, como é o caso de Rafa Villar, voceiro da Plataforma Nunca Máis.


3,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: